Ante a torpe e grave intrusión do Concello de Ferrol no funcionamento dunha sociedade cultural libre e asamblearia como é o Ateneo Ferrolán, Unión Libertaria, organización de pensamento e acción anarquista quere expresar o seu apoio a esta entidade que tanto ten levado a cabo, ao longo dos seus 133 anos de vida, pola cultura da bisbarra.
O Concello pretende repartir o uso do local entre tres asociacións de carácter moi distinto (a “asociación de veciños”, a “Sociedad Artística Ferrolana” e o propio Ateneo). Un local que, tendo chegado á titularidade municipal polo legado Carvajal, foi antes que espazo da cultura do povo ferrolán sede dos xulgados, nos que -entre 1907 e 1953- moitos ferrolans sufriron a opresión e arbitrariedade das institucións. Tras este período oscuro, a cesión municipal do emblemático edificio da rúa Magdalena, hai máis de 30 anos, supuxo unha das ilusións de apertura do público ao popular, do municipal ao colectivo que trouxo a transición.
Para nós é unha obriga dicir que celebramos no seu desaparecido Salón de Actos varias Xornadas Libertarias, conferencias, mesas redondas, proxeccións e debates, fixemos no piso alto Hacklabs de Linux, emitimos dende o local da trasladada radio Filispím o noso programa “A banda Bonnot” e lembramos colaboraciones semellantes con outras organizacións, como a exposición do centenario de “Solidaridad Obrera” organizado por CNT no tamén desaparecido espazo de exposicións.
Porque ao longo deste período, quen quixo acercarse a Magdalena esquina con “Rómpete el alma”, tanto a actos organizados polo propio ateneo como aos que alí se organizaron pola xenerosa colaboración deste, ou para disfrutar da completísima biblioteca e a hemeroteca que o Ateneo puña a disposición da cidadanía, puido ver a grandiosidade dun edificio que, con certos tragos propios da idade e reformas máis que asimiladas no tempo e na funcionalidade, albergaba de xeito digno a grandiosidade e a amplitude de miras da institución que acollía.
Estes estragos do tempo, un tellado en mal estado, coas pingueiras e humidades que isto implica no noso clima e o contínuo crecemento do fondo documental alí depositado foi o que motivou o comezo das obras de rehabilitación do Edificio do Ateneo (así rotuladas no cartel da obra) e foi o que conseguíu o que non conseguíu un atentado fascista que incendiou o portal en xaneiro de 2008, que o espazo aberto da cultura ferrolá pechara as súas portas, sen deixar -todo hai que decilo- as súas actividades.
Ante o que partía do mal estado do tellado, contratóuse a un arquitecto experto en tellados e telleiras e o espazo do edificio do Ateneo creceu coa anexión do número 204, pero convertíuse nun espazo valeiro, xa que non se fixeron as divisións verticais e horizontais que permitiran o esperado crecemento da biblioteca e hemeroteca. Por outra parte, o principal problema -o estado do tellado- foi postergado ata unha ampliación do proxecto inicial, co retraso e o aumento do custo que isto supuxo (300.000 € sobre o orzamento orixinal).
Unha vez que, mal que ben e tras dous anos de obras, parece que o edificio podería estar listo para ocuparse, o Concello “popular” rebautiza o edificio do Ateneo como “Centro cívico e social Concepción Arenal” e anuncia o reparto do espazo coa SAF e coa AAVV zona Centro, en reunión con estas entidades, na que excluíu ao Ateneo e nunha trapalleira comunicación pública no que fala dun aforro mensual de 1.000 €, cando o Ateneo se facía cargo dos seus recibos de auga, luz e gas, tiña o seu propio persoal de limpeza e agora, ao parecer, desto se farán cargo as arcas municipais, debido á peculiariedade da titularidade e xestión do novo “centro cívico e social”.
Ante este atentado contra a cultura e a libre asociación ferrolá, Unión Libertaria expresa a súa repulsa, a súa solidariedade co Ateneo echama á participación da poboación nas iniciativas de protesta que este convoque.